14 de decembro de 2017

Decembro 2017: "De astros e castros, como a astronomía axuda á arqueoloxía"

Este venres 15 de decembro teremos unha charla moi interesante, porque sen saír de Compostela viaxaremos desde os castros ata os astros, aprenderemos como a astronomía pode axudar á arqueoloxía. Desde os planetas extrasolares ao Bosón de  Higgs ou aos modelos cosmolóxicos, a astronomía fascina á nosa sociedade. Pero a nosa non foi a única que viu o ceo como unha fonte de seguridade fronte ás súas dúbidas e problemas cotiáns e así o estudo do ceo doutras culturas abre unha xanela que permite á arqueoloxía entender novos aspectos das sociedades do pasado.



O noso relator será Antonio César González García (Valladolid, 1973) é Doutor en  Astrofísica pola Universidade de  Groningen (Holanda, 2003). Desenvolve o seu traballo no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), realizando investigación en Astronomía Cultural. Con anterioridade realizou estancias posdoutorales no Instituto de Astrofísica de Canarias (2003-2006) e no departamento de Física Teórica da Universidade Autónoma de Madrid (2006-2010).

Dirixe na actualidade dúas teses relacionadas con temas de Astronomía Cultural na Universidade de Santiago de Compostela. Realiza labores docentes no Máster de Astrofísica, na materia de modelado numérico de procesos astrofísicos, da Universidade da Lagoa. Dirixiu tres cursos de posgrao e impartiu múltiples conferencias e cursos sobre esta liña de investigación en ámbitos diversos. Actualmente é Presidente da Sociedade Europea de Astronomía Cultural (SEAC). A súa liña principal de investigación en  Astrofísica foi o estudo da formación e evolución de galaxias a través de simulacións de  N-corpos. En concreto a súa tese supuxo un novo impulso ao estudo da formación de galaxias elípticas a través de fusións secas de compoñentes menores e ao seu impacto na relación  observacional coñecida como o Plano Fundamental. Durante a súa estancia na  UAM traballou con resultados de simulacións cosmolóxicas, dándolle así un coñecemento profundo das diferentes técnicas no campo.

Durante o período da súa tese doutoral implicouse nos estudos de astronomía cultural (arqueoastronomía e etnoastronomía), disciplina na que se converteu nun referente mundial. Comezou investigando as orientacións dos monumentos megalíticos de Holanda e Alemaña e a súa posible interpretación astronómica. Desde entón desenvolveu e liderou traballos de campo en España (centrados nas relacións astronómicas de xacementos Indoeuropeos, orientacións das cidades romanas de Hispania, orientacións das igrexas prerrománicas), Bulgaria (orientacións dos dolmens tracios), Turquía (orientacións dos monumentos Hititas), Chile (orientacións de xacementos  Incaicos), Francia (orientación da cidade romana de Lyon) e Xordania (orientacións de dolmens e de templos  Nabateos). Tamén desenvolveu colaboracións que involucran outras zonas como Mongolia, Sardeña, Exipto ou México. Destaca o seu desenvolvemento e aplicación de novas técnicas para a análise estatística dos datos no campo que están a abrir novas interpretacións. Cunha participación asidua nos congresos internacionais do campo, destaca a súa participación como autor ou coautor de oito contribucións ao recentemente editado Handbook  of  Archaeoastronomy  and  Ethnoastronomy (2015).

Participou en diversos programas de divulgación e charlas nos diversos centros en que estivo. Impartiu conferencias tanto enfocadas ao público en xeral como de alta divulgación. Neste sentido, destacan a participación en programas de televisión e radio ou nun dos Maratóns Científicos organizados polo Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía.

O venres 15 de decembro ás 21:00 no Café Airas Nunes de Compostela. Vémonos!
Ler máis...
Con tecnoloxía de Blogger.

Recibe as novas charlas por email!


Correo electrónico:



As nosas redes

YouTUbe