19 de outubro de 2017

Outubro 2017: "Economía e pseudociencia"

Xa temos preparada a charla de outubro! Este mes falaremos de economía. De catro aspectos que distorsionan, por dicilo mainamente, a realidade da investigación económica. Un é o xeito en que calquera discurso aparentemente coherente pasa a ser crido sen crítica por unha banda da sociedade por motivos seguramente ideolóxicos. O segundo aspecto refírese á toma de decisións de políticas económicas polos poderes públicos que non se basean en evidencias ou que son directamente contrarias a elas. En terceiro lugar falaremos da metodoloxía científica que hai detrás da economía académica e da que carecen as ideas económicas que non teñen cabida nela. Ao fin ofreceranse algunhas aclaracións sobre onde atopar a ideoloxía na economía.

O noso relator será José Luis Ferreira. É profesor titular no Departamento de Economía e director do Master en Economía da Universidade Carlos III de Madrid. Despois de estudar na Euskal-Herriko Unibertsitatea doutorouse na Northwestern University e, tras pasar pola University of Pennsylvania, finalmente ficou na Carlos III. As súas áreas de investigación inclúen a teoría de xogos, a organización industrial, a economía experimental e a metodoloxía da economía. Adoita publicar en revistas académicas de prestixio como o Journal of Economic Theory ou Games and Economic Behavior. Recentemente publicou un libro titulado Economía y Pseudociencia. É editor e colaborador do blog colectivo sobre Economía Nada es Gratis, participa no proxecto de divulgación científica Mapping Ignorance e mantén un blog persoal (Todo lo que sea verdad) onde fala cumpridamente de economía, método científico, filosofía e política desde a perspectiva dun economista.

O venres 27 de outubro ás 21:00 no Airas Nunes Café de Compostela. Vémonos!




Ler máis...
Con tecnoloxía de Blogger.

Recibe as novas charlas por email!


Correo electrónico: