18 de marzo de 2024

Por que pican algúns pementos de Padrón?

  

O profesor, divulgador científico e investigador posdoutoral Ángel Vidal Vidal falará el venres 22 de marzo, ás 20 horas, no café Airas Nunes (Rúa do Vilar, 17) 

O 22 de marzo temos unha nova charla escéptica con Ángel Vidal Vidalprofesor, divulgador científico e investigador posdoutoral Margarita Salgas na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela, que nos falará da pementos de Padrón na súa charla "Por que pican algúns pementos de Padrón?".

Cando pensamos en Galicia, pensamos en hospitalidade, en verde e por suposto, en gastronomía. Ao longo de tódolo territorio existen moitos produtos que nos definen: cocido, marisco, queixo e por suposto os pementos de Padrón. Ou son de Herbón? Son o mesmo? 

Durante esta charla, abordarase a orixe deste manxar ao mesmo tempo que nos mergullaremos no excitante mundo da ciencia do picante para descubrir o lado máis ardente da vida. Dende as culturas que abranguen o picante como un piar da súa gastronomía, ata os efectos emocionantes que ten no noso cerebro, buscaremos dar resposta a distintas incógnitas: Por que pican os pementos de padrón? Pican só ós humanos? Que relación ten o picante coa dopaxe? Como de efectivos son os métodos populares para desfacerse desa ardente sensación? E o máis importante de todo, pódese saber se un pemento vai picar ou non antes de comelo? 

Todo isto e moito máis na charla “Por que pican algúns pementos de Padrón?”. 

Estás preparado para embarcarte nunha viaxe chea de paixón, humor e picante?

Ángel Vidal Vidal é profesor, divulgador científico e investigador posdoutoral Margarita Salgas na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela. Durante anos participou en numerosas actividades de divulgación como o Tour do Talento da Fundación Princesa de Xirona, a Noite Europea dos Investigadores, o Culturgal ou a OpenScience de Cambre entre outras. A través de diferentes charlas e talleres sempre buscou achegar a ciencia química a todos os colectivos e idades, labores que lle valeron varias distincións como o primeiro premio do prestixioso certame Ciencia en Acción na modalidade de experimentos de química. É membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica e percorre o país mostrando a ciencia oculta de cousas tan cotiás como o polbo a feira ou os pementos de Padrón.

Sobre Escépticos no Pub Compostela 

Santiago foi a segunda cidade de España na que se iniciaron estas charlas nos bares. Comenzaron no ano 2010, e desde entón pasaron por este ciclo, que xa suma case 70 sesións, figuras relevantes como o biólogo Juan Ignacio Pérez, a matemática Clara Grima ou a psicóloga e sexóloga Laura Morán. En 2023, o ciclo inaugurouse coa sesión da divulgadora Ana J. Cáceres (@mylestring), Todo o que deberías preguntar sobre os zoos. Para este curso están previstas sete charlas, que terán lugar no último venres de cada mes.





Ler máis...
Con tecnoloxía de Blogger.

Recibe as novas charlas por email!


Correo electrónico: