9 de decembro de 2019

Decembro 2019: "Políticas climáticas, big data e economía"


En decembro, no canto do noso habitual último venres de mes, teremos a charla o venres 13.

O título da charla será "Políticas climáticas, big data e economía" e a relatora será a economista María Loureiro. É licenciada en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), con estudos de máster e doutorado pola Washington State University (EUA). Actualmente é Catedrática de Universidade no Departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC. Anteriormente foi profesora na Universidade Estatal de Colorado (EUA) e profesora visitante na Universidade Carlos III de Madrid, volvendo á USC da man do Programa Ramón y Cajal en 2004. O seu campo de especialización é a economía ambiental e dos recursos naturais. É IP do grupo de investigación ECO-IURIS da USC, catalogado dentro de grupos de referencia competitiva da Xunta de Galicia. Ata agora dirixiu 7 teses de doutoramento, 8 teses ou traballos de fin de grao e participou en numerosos proxectos de investigación e transferencia de coñecemento, tanto nacionais como internacionais. En canto á súa actividade de transferencia de coñecemento, os seus últimos anos foron especialmente marcados polo traballo de valoración dos impactos ambientais causados polo buque Prestige que foi presentado como experto económico pola Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia, no xuízo que tivo lugar na Audiencia Provincial de A Coruña en 2013. Este feito permitiu por primeira vez en España valorarse con técnicas de economía ambiental e solicitude da compensación da Fiscalía segundo o dano causado.

Se non puideches vir ou che gustaría volver ver a charla, aquí tes o vídeo na nosa canle de YouTube.



Ler máis...
22 de novembro de 2019

Novembro 2019: "A telefonía 5G e a túa saúde"

Desde a primeira xeración de telefonía móbil, sucedéronse os anuncios alarmistas dos perigos desta tecnoloxía. Efectos terribles sobre a aprendizaxe e crecemento en nenos, hipersensibilidade electromagnética ou cancro, son algúns dos efectos que levan décadas anunciándonos pero que, porén nunca se demostraron. Ás portas da implantación da quinta xeración, 5G, os anuncios apocalípticos tornan de novo. Será o 5G diferente ao actual 4G? Que ofrece e como funciona? Como é normal, preocupan os posibles efectos sobre a saúde dunha tecnoloxía que non se probou de forma xeneralizada en humanos.

O noso relator será Alberto Nájera. Nado en Salamanca. Licenciado en Física e Doutor en Neurociencias pola Universidade de Salamanca. É profesor da área de Radioloxía e Medicina Física na Facultade de Medicina de Albacete da Universidade de Castela-A Mancha desde 2001. É autor e coautor de numerosos artigos científicos, libros, capítulos de libros e comunicacións científicas en congresos nacionais e internacionais. Desde 2009 dirixe un equipo de investigación que se centra no estudo da exposición humana a ondas electromagnéticas de radiofrecuencia, isto é, fundamentalmente de móbiles, wifi, radio, televisión, etc.

Se non puideches vir ou che gustaría volver ver a charla, aquí tes o vídeo na nosa canle de YouTube.




Ler máis...
12 de outubro de 2019

Outubro 2019: "Quero crer"

Nova charla de Escépticos Compostela o venres 25 de outubro ás 21:00 no Airas Nunes Café. Nesta ocasión falaremos do fenómeno OVNI!

"Quero crer" ("I want to believe") é a famosa sentenza do póster favorito de Fox Mulder, pode que o maior abandeirado no fenómeno OVNI. Pero prefires "querer crer" ou saber? Falaremos de casos OVNI galegos investigados polo noso convidado, de vida extraterrestre, e do que hai de ciencia detrás do tema que por incrible que pareza é moito máis apaixonante e real do que nos tentan vender os profesionais do "misterio".

Borja Tosar, Máster en Astronomía e Astrofísica, Máster en Comunicación Científica, ambolos dous pola Universidad de Valencia e tamén piloto privado. É colaborador da Casa das Ciencias da Coruña, onde todos os meses fai unha sesión especial chamada "Postais Planetarias". Tamén colabora con distintos medios como o programa Efervesciencia na Radio Galega, Onda Cero Coruña, La Voz de Galicia, Openmind e Materia.

Se non puideches vir ou che gustaría volver ver a charla, aquí tes o vídeo na nosa canle de YouTube.




Ler máis...
19 de setembro de 2019

Setembro 2019: "Ecosistemas humanos nas Rías Baixas"

Tiñamos moitas ganas de volver! En setembro comezamos o curso 2019-20 de charlas en Escépticos Compostela! E ímolo a facer falando dun tema que non adoitamos tratar acotío: arquitectura e ecosistemas humanos.

Ecosistemas humanos nas Rías Baixas

Nos últimos 60-70 anos o territorio das Rías Baixas experimentaron varias “actualizacións territoriais” moi intensas, potentes... cada un foi un tsunami urbanizador.

Un territorio rural + outro industrial + outro terciario comercial + outro turístico e de lecer... moitas capas superpostas, mesturadas... quen chega de fóra asegura que isto é o caos.

O que si é certo é que as Rías Baixas son a maior e máis heteroxénea concentración de vivendas unifamiliares da Península: un xigantesco continuo-edificado de 800 km².

Este enorme magma de artefactos edificados tan mesto que un esquío pode ir de Norte a Sur e de Leste a Oeste saltando de tellado en tellado sen tocar o chan. Sen embargo a nivel de chan, para os propios construtores deste ecosistema, os desprazamentos son ben máis complicados. No frenesí construtor descoidamos a integración necesaria entre as diferentes pezas: zonas industriais, ensanches, urbanizacións, centros de saúde, polígonos, canteiras, depuradoras, escolas, vías rápidas, autoestradas, estradas de diferentes competencias... aterraron sobre o territorio sen pór moita atención ao contexto.

Así chegamos ao momento actual no que, se paseamos esa cidade difusa veremos como, a cada paso, e cando menos o agardamos, aparecen ante nós barreiras, fendas, limites, bordes, taludes, pasos elevados... que impiden, dificultan ou poñen en perigo o libre paso dos humanos.

Neste ecosistema, as crías dos humanos medran en semi-cautividade, xa non se poden atopar cos seus pares máis que en espazos perfectamente recintados e as interaccións están pautadas e sempre supervisadas. Os parques e as zonas peonís son os “espazos naturais protexidos” para humanos.

Ten o urbanismo algo que ver en todo isto?


O noso relator será Martín Barreiro Cruz (Tirán – Moaña, 1983). Estudou arquitectura e urbanismo entre Portugal e Italia. Fixo unha tese sobre a evolución-expansión dos espazos urbanizados en Galicia (período entre os anos 1950 e a crise do 2008). Apaixónalle o rururbano, estes espazos híbridos das Rías Baixas nos que o rural, o vilego e o urbano están completamente fusionados nunha soa cousa: o continuo-urbanizado das Rías Baixas (ou Cidade Difusa).

Xunto con María Masaguer crearon o Estudio Rurban para experimentar-facendo, para saír da academia e manchar as mans traballando, proxectando e obrando. Practican un urbanismo “situado”, cos pés postos no propio obxecto de análise e proxecto. Porque o urbanismo está a medio camiño entre as disciplinas técnicas e as humanidades, por iso nos resulta imprescindible coñecer e re-coñecer constantemente este hábitat tan particular.

Se non puideches vir ou che gustaría volver ver a charla, aquí tes o vídeo na nosa canle de YouTube.
 

Ler máis...
10 de maio de 2019

Maio 2019: "Pódese ser vexetariano e escéptico? (Ou estóurache a cabeza?)"

A charla de maio adiántase do último venres de mes ao venres 24, e falaremos de vexetarianismo!

Trataremos de mostrar que a dieta vexetariana é totalmente compatible cunha actitude escéptica, e para iso desvincularémola de ideas pseudocientíficas que confunden (desde a paleodieta á macrobiótica, pasando polo «mundo eco»). Revisaremos a falacia naturalista que dá pé tanto á defensa do vexetarianismo mesiánico como ao carnismo sen complexos. Así mesmo, expoñeremos os motivos que poden levar a un vexetariano escéptico a selo, a saber, saúde, medio ambiente e ética, revelando que unha dieta libre de carne é saudable, xera un menor impacto ambiental e, ademais, inclúe a consideración moral doutros animais desde un punto de vista sensocentrista.

A nosa relatora será Sandra Milán i Massagué. É graduada en Humanidades e Máster en Nutrición e Saúde pola Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Traballou na divulgación da educación alimentaria desde un punto de vista sociocultural. Foi consultora de TFM no ámbito da dieta vegetariana e as pseudoterapias alimentarias. É autora de tres artigos publicados no libro Corpo, saúde e comida. Aspectos sociuculturales da nutrición de Fornons, D., Aguilar, A. (Eds.) sobre a alimentación e os canons de beleza, a práctica da placentofaxia en culturas actuais e a «glocalidade» da alimentación.



Vémonos o venres 24 de maio ás 21:00 no Airas Nunes Café de Compostela!
Ler máis...
16 de abril de 2019

Abril 2019: "Big Data e medicina personalizada na sociedade dixital"

O venres 26 de abril falaremos do ouro do noso tempo: os conxuntos de datos persoais. Alimentan a nosa sociedade altamente dixitalizada e permiten que terceiros tanto a iniciativa pública como privada os correlacionen e efectúen patróns do noso comportamento para predicir condutas e mellorar a toma de decisións, pero, sobre ou connosco?

Analizaremos os beneficios e os riscos da sociedade dixital e como a medicina personalizada pola que aposta Europa (e á que non debemos renunciar!) obríganos a pensar sobre o valor dos datos e os límites que establecer como sociedade. Pero.....cales deberían ser e con que efectos? Para entender o noso presente "datificado" e os retos que expón achegaranse exemplos, desde os máis cotiáns até os que parecen ciencia ficción pero en absoluto o son.




A nosa relatora será Itziar de Lecuona, doutora en Dereito, Profesora do Departamento de Medicina e Subdirectora do Observatorio de Bioética e Dereito, Cátedra UNESCO, da Universidade de Barcelona. Investiga sobre os aspectos éticos, legais e sociais da biomedicina e a biotecnoloxía.




Vémonos o venres 26 de abril ás 21:00 no Airas Nunes Café de Compostela!
Ler máis...
16 de marzo de 2019

Marzo 2018: "Modernidade e apagón na Universidade Galega 1900-1940"

O venres 29 de marzo achegarémonos a un episodio pouco coñecido da historia da ciencia en Galicia. A principios do século XX a modernidade chegou á Universidade de Santiago de Compostela con Cadarso e a estela da Junta de Ampliación de Estudios (JAE). Ata que chegou o "apagón" da guerra e a ditadura.

As primeiras promocións de docentes que viaxaron a Europa coas bolsas da JAE, a nova lexislación para a formación universitaria e a creación do Ministerio de Educación (ensino de laboratorio), o orzamento especial en infraestruturas para experimentación no tempo republicano xunto á xestión de reitor Cadarso, posibilitaron un escenario para que a Universidade Galega estivese a altura da comunidade científica internacional.

Ricardo Gurriarán é doutor en Historia e dirixe a Área de Historia da Fundación 10 de Marzo. Leva escrito 20 libros e mais dun cento de artigos sobre o noso pasado recente: exilio, represión docente, historia da ciencia, movementos sociais, metodoloxía, historia das institucións e rescate de personaxes ocultos pola “historia oficial”.

Vémonos o venres 29 de marzo ás 21:00 no Café Airas Nunes de Compostela!


Ler máis...
14 de febreiro de 2019

Febreiro 2018: «A ti págache Monsanto»

«A ti págache Monsanto» é unha chiscadela á realidade que sufrimos os que baseamos os nosos argumentos en datos científicos e obxectivos. Pero non uns datos calquera, non, son uns datos que avalan avances xerados pola industria farmacéutica ou alimentaria aos que certos grupos temen tanto como odian. Desenmascararemos aos Imperios, contaremos a verdade destas industrias... e de quen di que o obxectivo dos avances da ciencia é acabar connosco. Poderiamos pensar en que teñen razón... agás que como cadramos iso coa esperanza de vida máis alta da historia. Pero non vos fiedes de min, que me paga Monsanto.

A relatora será Gemma del Caño. É licenciada en farmacia, especial I+D e industria. Máster en biotecnoloxía e innovación. Auditora de seguridade alimentaria. Traballou como responsábel de I+D na industria alimentaria e agora no departamento de calidade. É profesora no máster de biotecnoloxía, innovación e seguridade alimentaria da UEMC e no título propio de cociña industrial de Vitartis coa UEMC. É autora do blog Farmagemma e Cartas desde el Imperio. Colaboradora da plataforma de divulgación Naukas. Participa no programa de televisión Viva la Vida, na plataforma Salud sin bulos e no blog de Antena 3 Novalife.

Vémonos o venres 22 de febreiro ás 21:00 no Airas Nunes Café de Compostela.
Ler máis...
15 de xaneiro de 2019

Xaneiro 2018: "Cres que comes ben?"

Comezamos 2018 en Escépticos no Pub Compostela cunha charla sobre alimentación.

Cres que comes ben? A verdade é que alimentarse axeitadamente é fácil... ou polo menos debería selo, tendo en conta que temos ao noso alcance máis información que nunca. Porén, cando se trata de alimentación a maioría da xente atópase bastante desorientada (por non dicir completamente perdida). Que motivos explican esta situación e que pode facerse para remediala?

O relator será Miguel Ángel Lurueña. É Enxeñeiro Técnico Agrícola (especialidade en Industrias Agrarias e Alimentarias) pola Universidade de Salamanca, licenciado en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos pola Universidade de León e Doutor pola Universidade de Salamanca. Na actualidade traballa como consultor independente para empresas alimentarias e como divulgador científico: é autor do blog Gominolas de petróleo e colabora habitualmente noutros medios, como a Radio do Principado de Asturias, a Cadena SER ou a revista Consumer. É membro fundador da Asociación de Divulgacion Científica de Asturias e editor da Revista Española de Nutrición Humana e Dietética.


Vémonos o 25 de xaneiro ás 21:00 no Airas Nunes Café de Compostela!
Ler máis...
Con tecnoloxía de Blogger.

Recibe as novas charlas por email!


Correo electrónico:



Arquivo do blog