19 de setembro de 2019

Setembro 2019: "Ecosistemas humanos nas Rías Baixas"

Tiñamos moitas ganas de volver! En setembro comezamos o curso 2019-20 de charlas en Escépticos Compostela! E ímolo a facer falando dun tema que non adoitamos tratar acotío: arquitectura e ecosistemas humanos.

Ecosistemas humanos nas Rías Baixas

Nos últimos 60-70 anos o territorio das Rías Baixas experimentaron varias “actualizacións territoriais” moi intensas, potentes... cada un foi un tsunami urbanizador.

Un territorio rural + outro industrial + outro terciario comercial + outro turístico e de lecer... moitas capas superpostas, mesturadas... quen chega de fóra asegura que isto é o caos.

O que si é certo é que as Rías Baixas son a maior e máis heteroxénea concentración de vivendas unifamiliares da Península: un xigantesco continuo-edificado de 800 km².

Este enorme magma de artefactos edificados tan mesto que un esquío pode ir de Norte a Sur e de Leste a Oeste saltando de tellado en tellado sen tocar o chan. Sen embargo a nivel de chan, para os propios construtores deste ecosistema, os desprazamentos son ben máis complicados. No frenesí construtor descoidamos a integración necesaria entre as diferentes pezas: zonas industriais, ensanches, urbanizacións, centros de saúde, polígonos, canteiras, depuradoras, escolas, vías rápidas, autoestradas, estradas de diferentes competencias... aterraron sobre o territorio sen pór moita atención ao contexto.

Así chegamos ao momento actual no que, se paseamos esa cidade difusa veremos como, a cada paso, e cando menos o agardamos, aparecen ante nós barreiras, fendas, limites, bordes, taludes, pasos elevados... que impiden, dificultan ou poñen en perigo o libre paso dos humanos.

Neste ecosistema, as crías dos humanos medran en semi-cautividade, xa non se poden atopar cos seus pares máis que en espazos perfectamente recintados e as interaccións están pautadas e sempre supervisadas. Os parques e as zonas peonís son os “espazos naturais protexidos” para humanos.

Ten o urbanismo algo que ver en todo isto?


O noso relator será Martín Barreiro Cruz (Tirán – Moaña, 1983). Estudou arquitectura e urbanismo entre Portugal e Italia. Fixo unha tese sobre a evolución-expansión dos espazos urbanizados en Galicia (período entre os anos 1950 e a crise do 2008). Apaixónalle o rururbano, estes espazos híbridos das Rías Baixas nos que o rural, o vilego e o urbano están completamente fusionados nunha soa cousa: o continuo-urbanizado das Rías Baixas (ou Cidade Difusa).

Xunto con María Masaguer crearon o Estudio Rurban para experimentar-facendo, para saír da academia e manchar as mans traballando, proxectando e obrando. Practican un urbanismo “situado”, cos pés postos no propio obxecto de análise e proxecto. Porque o urbanismo está a medio camiño entre as disciplinas técnicas e as humanidades, por iso nos resulta imprescindible coñecer e re-coñecer constantemente este hábitat tan particular.

Se non puideches vir ou che gustaría volver ver a charla, aquí tes o vídeo na nosa canle de YouTube.
 

Buscar neste blog

Con tecnoloxía de Blogger.

Recibe as novas charlas por email!


Correo electrónico:



Arquivo do blog