16 de abril de 2019

Abril 2019: "Big Data e medicina personalizada na sociedade dixital"

O venres 26 de abril falaremos do ouro do noso tempo: os conxuntos de datos persoais. Alimentan a nosa sociedade altamente dixitalizada e permiten que terceiros —tanto a iniciativa pública como privada— os correlacionen e efectúen patróns do noso comportamento para predicir condutas e mellorar a toma de decisións, pero, sobre ou connosco?

Analizaremos os beneficios e os riscos da sociedade dixital e como a medicina personalizada pola que aposta Europa (e á que non debemos renunciar!) obríganos a pensar sobre o valor dos datos e os límites que establecer como sociedade. Pero.....cales deberían ser e con que efectos? Para entender o noso presente "datificado" e os retos que expón achegaranse exemplos, desde os máis cotiáns até os que parecen ciencia ficción pero en absoluto o son.




A nosa relatora será Itziar de Lecuona, doutora en Dereito, Profesora do Departamento de Medicina e Subdirectora do Observatorio de Bioética e Dereito, Cátedra UNESCO, da Universidade de Barcelona. Investiga sobre os aspectos éticos, legais e sociais da biomedicina e a biotecnoloxía.




Vémonos o venres 26 de abril ás 21:00 no Airas Nunes Café de Compostela!
Ler máis...
16 de marzo de 2019

Marzo 2018: "Modernidade e apagón na Universidade Galega 1900-1940"

O venres 29 de marzo achegarémonos a un episodio pouco coñecido da historia da ciencia en Galicia. A principios do século XX a modernidade chegou á Universidade de Santiago de Compostela con Cadarso e a estela da Junta de Ampliación de Estudios (JAE). Ata que chegou o "apagón" da guerra e a ditadura.

As primeiras promocións de docentes que viaxaron a Europa coas bolsas da JAE, a nova lexislación para a formación universitaria e a creación do Ministerio de Educación (ensino de laboratorio), o orzamento especial en infraestruturas para experimentación no tempo republicano xunto á xestión de reitor Cadarso, posibilitaron un escenario para que a Universidade Galega estivese a altura da comunidade científica internacional.

Ricardo Gurriarán é doutor en Historia e dirixe a Área de Historia da Fundación 10 de Marzo. Leva escrito 20 libros e mais dun cento de artigos sobre o noso pasado recente: exilio, represión docente, historia da ciencia, movementos sociais, metodoloxía, historia das institucións e rescate de personaxes ocultos pola “historia oficial”.

Vémonos o venres 29 de marzo ás 21:00 no Café Airas Nunes de Compostela!


Ler máis...
14 de febreiro de 2019

Febreiro 2018: «A ti págache Monsanto»

«A ti págache Monsanto» é unha chiscadela á realidade que sufrimos os que baseamos os nosos argumentos en datos científicos e obxectivos. Pero non uns datos calquera, non, son uns datos que avalan avances xerados pola industria farmacéutica ou alimentaria aos que certos grupos temen tanto como odian. Desenmascararemos aos Imperios, contaremos a verdade destas industrias... e de quen di que o obxectivo dos avances da ciencia é acabar connosco. Poderiamos pensar en que teñen razón... agás que como cadramos iso coa esperanza de vida máis alta da historia. Pero non vos fiedes de min, que me paga Monsanto.

A relatora será Gemma del Caño. É licenciada en farmacia, especial I+D e industria. Máster en biotecnoloxía e innovación. Auditora de seguridade alimentaria. Traballou como responsábel de I+D na industria alimentaria e agora no departamento de calidade. É profesora no máster de biotecnoloxía, innovación e seguridade alimentaria da UEMC e no título propio de cociña industrial de Vitartis coa UEMC. É autora do blog Farmagemma e Cartas desde el Imperio. Colaboradora da plataforma de divulgación Naukas. Participa no programa de televisión Viva la Vida, na plataforma Salud sin bulos e no blog de Antena 3 Novalife.

Vémonos o venres 22 de febreiro ás 21:00 no Airas Nunes Café de Compostela.
Ler máis...
15 de xaneiro de 2019

Xaneiro 2018: "Cres que comes ben?"

Comezamos 2018 en Escépticos no Pub Compostela cunha charla sobre alimentación.

Cres que comes ben? A verdade é que alimentarse axeitadamente é fácil... ou polo menos debería selo, tendo en conta que temos ao noso alcance máis información que nunca. Porén, cando se trata de alimentación a maioría da xente atópase bastante desorientada (por non dicir completamente perdida). Que motivos explican esta situación e que pode facerse para remediala?

O relator será Miguel Ángel Lurueña. É Enxeñeiro Técnico Agrícola (especialidade en Industrias Agrarias e Alimentarias) pola Universidade de Salamanca, licenciado en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos pola Universidade de León e Doutor pola Universidade de Salamanca. Na actualidade traballa como consultor independente para empresas alimentarias e como divulgador científico: é autor do blog Gominolas de petróleo e colabora habitualmente noutros medios, como a Radio do Principado de Asturias, a Cadena SER ou a revista Consumer. É membro fundador da Asociación de Divulgacion Científica de Asturias e editor da Revista Española de Nutrición Humana e Dietética.


Vémonos o 25 de xaneiro ás 21:00 no Airas Nunes Café de Compostela!
Ler máis...
7 de decembro de 2018

Decembro 2018: «O transporte do futuro, vaia engano?»

Ollo! Este mes adiantamos a charla e cambiamos o noso horario habitual polo venres 14 ás 17:00. Apúntao no calendario ou na túa axenda!

Falaremos do transporte do futuro. Prometéronnos coches voadores e todo o que temos é Facebook, pero o futuro do transporte prevese interesante —desde coches que se conducen sós ata cápsulas por tubos ao baleiro ou mesmo foguetes suborbitais para chegar a calquera lugar do planeta en menos de dúas horas. Porén, non todo o que se conta nos medios de comunicación desexosos de clics, likes e retuits está baseado en realidades técnicas. Dedicámoslle unha mirada escéptica?

O relator será Iván Rivera. É enxeñeiro de telecomunicacións con dezasete anos de experiencia en diferentes empresas do sector do transporte ferroviario; na actualidade é Director de Innovación en TELICE, S.A. Mantén un blog persoal desde 2007 e participa na plataforma de divulgación científica Naukas desde 2012 con artigos e charlas sobre transporte, enxeñería, espazo e en xeral calquera tema que chame a súa atención.

Vémonos o venres 14 de decembro ás 17:00 no Airas Nunes Café de Compostela.



Ler máis...
27 de novembro de 2018

Novembro 2018: «Escépticos ante o cánnabis»

Este mes a charla é sobre un tema moi interesante e que adoita xerar polémica...

Sobre o cánnabis se teñen construído unha pléiade de mitos, moitos deles intencionados. A publicidade cannábica alega propiedades que poría corado a calquera seudoterapia. Nesta chala coñeceremos como se foi modificando a planta nas últimas décadas, os efectos do THC no sistema nervioso, os usos terapéuticos, os tipos de consumo ou a prevención baseada na evidencia.

O relator será Manuel Isorna, doutor en psicoloxía, técnico de prevención de condutas aditivas do Concello de Catoira e profesor asociado da Universidade de Vigo.

Vémonos este 30 de novembro ás 21:00 no Airas Nunes Café de Compostela!


Ler máis...
22 de outubro de 2018

Outubro 2018: «Que é un escéptico e que pinta nun pub?»

Tras seis anos de Escépticos no Pub Compostela, chegou o momento de facer un alto no camiño para reflexionar co noso público. Que é isto do escepticismo? Estes «escépticos», gozan amolando a xente que ten ideas orixinais? Son uns listos que buscan notoriedade? Teñen algún obxectivo? Se é así, lograron algún? Que vén despois? Que preguntas deberíanse expor aos escépticos? Utilizan as mellores ferramentas para informar? Ningunha destas preguntas nin as que traiades vós será contestada completamente, porque non estamos en posesión da verdade, pero animámosvos a asistir e a participar para que entre todos aprendamos algo máis.

O noso convidado é Manuel F. Herrador. É doutor enxeñeiro de camiños e exerce como profesor e investigador da área de Enxeñería da Construción da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos da Universidade dá Coruña. É vicepresidente do Círculo Escéptico e membro da Asociación para a Protección do Paciente de Terapias Pseudocientíficas (APETP) e da Asociación Galega de Comunicadores de Cultura Científica e Tecnolóxica (DivulgACCIÓN), desde onde contribúe á promoción do pensamento crítico como ferramenta fundamental para a toma de decisións na sociedade actual.


Vémonos o venres 26 de outubro ás 21:00 no Airas Nunes Café de Compostela!
Ler máis...
17 de setembro de 2018

Setembro 2018: "Dous días de outubro. Que aprendemos sobre incendios forestais en 2017"

Chega setembro e comezamos un novo curso de charlas!

A primeira versará sobre un tema moi importante en Galicia: os incendios forestais. Fai algo menos dun ano, en outubro de 2017, varios incendios asolaron Galicia, afectando de maneira especial ás provincias de Ourense e Pontevedra. Na nosa primeira charla deste curso reflexionaremos sobre aqueles días e que podemos aprender daquela catástrofe.

O noso relator é Juan Picos Martín (Madrid, 1971), enxeñeiro de montes pola Universidade Politécnica de Madrid (1996) e doutor pola Universidade de Vigo (2004). Entre outros moitos cargos é director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, profesor contratado doutor do Departamento Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Universidade de Vigo, Decano Autonómico do Colexio de Enxeñeiros de Montes ou Membro da Xunta Directiva da Sociedade Española de Ciencias Forestais.

«Dous días de outubro. Que aprendemos sobre incendios forestais en 2017»

Vémonos o venres 28 de setembro no Airas Nunes Café de Compostela!



Ler máis...

Buscar neste blog

Con tecnoloxía de Blogger.

Recibe as novas charlas por email!


Correo electrónico:



Arquivo do blog