20 de xaneiro de 2017

Xaneiro 2017: "Cribado en cancro de mama, unha mirada crítica"

O día 27 de xaneiro propoñémosche unha charla moi interesante, desas que animan a pensar e a eliminar datos preconcibidos:

"Cribado en cancro de mama: unha mirada crítica"


Desde a súa aparición, os programas de cribado de cancro, especialmente o máis famoso deles, o cribado de cancro de mama por mamografía, gozaron dunha alta popularidade, impulsada polas fortes campañas de promoción institucionais que sementaron no noso acervo colectivo o siloxismo: mamografía = detección precoz = curación. Pero o certo é que, desde a súa implantación, algunhas voces previñeron da posibilidade de que esta ecuación non fose certa ou alertaron dos riscos asociados ao cribado dunha enfermidade tan complexa, e descoñecida, como o cancro.

Hoxe, aquelas pioneiras críticas atopan cada vez un eco maior a medida que realizamos unha análise máis completa dos datos epidemiolóxicos do impacto destes programas e aumenta o noso coñecemento da historia natural da enfermidade. Nunha contorna sanitaria no que a sustentabilidade económica e a eficiencia de cada investimento converteuse, como non pode ser doutra maneira, nun elemento crave de debate, a idea de que non sempre máis medicina é mellor medicina abriuse paso na comunidade científica. Como é lóxico o cribado non foi alleo a esta corrente e a continuidade de tales programas está hoxe máis que en dúbida se non é directamente rexeitada.

A charla pretende poñerte en contacto coas ideas e autores fundamentais desta corrente contraria ao cribado, que conta cada día con máis apoio científico, para animar a todos a realizar unha aproximación crítica e non dogmática ao asunto, pois se finalmente a comunidade científica chegase á conclusión de que tales programas son inútiles ou mesmo prexudiciais, será moi difícil abordar a súa erradicación sen antes desandar coa sociedade o camiño de ideas preconcibidas e equivocadas polo que estivemos camiñando durante todos estes anos.

Para falar de todo isto, convidamos a Manolo Vilches. É doutor en física, especialista en radiofísica hospitalaria desde 1990 e xefe do servizo de radiofísica e protección radiolóxica do Centro Médico de Asturias / IMOMA. É editor da revista de física médica e coautor do blogue Desayuno con Fotones de divulgación científica.

O venres 27 de xaneiro de 2017 ás 21.00 no Café Airas Nunes de Compostela. Vémonos alí!

Buscar neste blog

Con tecnoloxía de Blogger.

Recibe as novas charlas por email!


Correo electrónico:



Arquivo do blog