19 de xaneiro de 2018

Xaneiro 2018: "Facer ciencia nun búnker? Arqueoloxía da guerra civil para escépticos"

Comezamos novo ano en Escépticos no Pub. Na primeira charla de 2018 exporemos unha serie de microhistorias arqueolóxicas sobre a Guerra Civil Española a partir da nosa experiencia dos últimos anos en escavacións de escenarios do conflito. A partir de obxectos humildes e anónimos do cerco feixista de Madrid, da batalla de Belchite, dos combates en Euskadi e Asturias, da batalla do Ebro ou da loita guerrilleira na Galicia da posguerra procuramos desartellar os dicursos inocentes que conciben a ciencia como algo aséptico, obxectivo e neutral. A través dos restos materiais tentaremos amosar o (nefasto) papel da ciencia, a tecnoloxía e a innovación en tempos de guerra. Pero, pola súa vez, tamén ofreceremos a súa cara máis amable, a dunha ciencia ao servizo dunha cidadanía que procura recuperar a memoria dese pasado traumático como ferramenta de futuro.



O noso relator é Xurxo M. Ayán Vila (Lugo, 1976), licenciado en Historia con Premio Extraordinario pola USC. Doutor na mesma universidade cunha tese sobre a arquitectura doméstica dos castros, merecedora do premio Cultura da Deputación de Pontevedra á mellor tese en Humanidades (2012). Foi investigador predoutoral no INCIPIT (CSIC) e investigador postdoutoral Juan de la Cierva no GPAC da Universidade do País Vasco (2014-2017). Especializado en Arqueoloxía Pública e Arqueoloxía do Pasado Contemporáneo, ten publicado en revistas internacionais de impacto como Archaeologies, World Archaeology ou Journal of Contemporary Archaeology. Estivo de estancia como investigador convidado no Instituto Arqueolóxico de Budapest (Academia das Ciencias de Hungría) e na Universidade de Binghamton (NY, USA). Os seus últimos libros son Herdeiros pola Forza (2012, en coautoría con Manuel Gago), e Altamira vista por los españoles (2015). Actualmente dirixe os proxectos "Recuperación e posta en valor do castro de San Lourenzo" (A Pobra do Brollón, Lugo) (desde 2016) e codirixe os proxectos "International Brigades Project" (desde 2014) e "Arqueoloxía da guerra civil e socialización do patrimonio no monte de San Pedro (Amurrio, Araba)" (desde 2016).

Máis información: http://guerraenlauniversidad.blogspot.com.es/

Vémonos o venres 26 de xaneiro ás 21:00 no Café Airas Nunes de Compostela!

Buscar neste blog

Con tecnoloxía de Blogger.

Recibe as novas charlas por email!


Correo electrónico:



Arquivo do blog