17 de novembro de 2023

Manuel Gago analiza os mitos da historia de Galicia no ciclo Escépticos no Pub Compostela

O xornalista e divulgador falará este venres 24 de novembro, ás 20.30 horas, no café Airas Nunes (Rúa do Vilar, 17) 

O ciclo de charlas divulgativas Escépticos no Pub Compostela celebra este venres 24 de novembro a segunda cita do presente curso. O xornalista Manuel Gago, unha das máis relevantes figuras da divulgación do patrimonio cultural en Galicia, falará sobre Mitos, lendas e trolas modernas sobre a historia de Galicia e como recoñecelas. A cita será ás 20.30 horas no café Airas Nunes (Rúa do Vilar, 17), e a entrada é gratuíta e aberta a todo o público ata completar capacidade. 

Segundo explica Gago, “o pasado está sempre en construción; o xeito no que o pensamos, ou mesmo nolo inventamos, di máis de nós que do propio pasado, porque reflicte os intereses, conflictos e debates do presente”. 

O ponente explica que “esta charla pretende explorar onde nacen moitas das historias populares que teñen máis éxito entre a poboación, a súa relación máis ou menos distante cos feitos históricos e, sobre todo, os peculiares, singulares e abraiantes camiños cos que conseguiron facerse moi famosas no presente”. 

Manuel Gago (@magago en X/Twitter) é xornalista, divulgador, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e director de culturagalega.gal, a plataforma de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega. 

Sobre Escépticos no Pub Compostela 

Santiago foi a segunda cidade de España na que se iniciaron estas charlas nos bares. Comenzaron no ano 2010, e desde entón pasaron por este ciclo, que xa suma case 70 sesións, figuras relevantes como o biólogo Juan Ignacio Pérez, a matemática Clara Grima ou a psicóloga e sexóloga Laura Morán. En 2023, o ciclo inaugurouse coa sesión da divulgadora Ana J. Cáceres (@mylestring), Todo o que deberías preguntar sobre os zoos. Para este curso están previstas sete charlas, que terán lugar no último venres de cada mes.



 

Buscar neste blog

Con tecnoloxía de Blogger.

Recibe as novas charlas por email!


Correo electrónico:



Arquivo do blog