12 de outubro de 2019

Outubro 2019: "Quero crer"

Nova charla de Escépticos Compostela o venres 25 de outubro ás 21:00 no Airas Nunes Café. Nesta ocasión falaremos do fenómeno OVNI!

"Quero crer" ("I want to believe") é a famosa sentenza do póster favorito de Fox Mulder, pode que o maior abandeirado no fenómeno OVNI. Pero prefires "querer crer" ou saber? Falaremos de casos OVNI galegos investigados polo noso convidado, de vida extraterrestre, e do que hai de ciencia detrás do tema que por incrible que pareza é moito máis apaixonante e real do que nos tentan vender os profesionais do "misterio".

Borja Tosar, Máster en Astronomía e Astrofísica, Máster en Comunicación Científica, ambolos dous pola Universidad de Valencia e tamén piloto privado. É colaborador da Casa das Ciencias da Coruña, onde todos os meses fai unha sesión especial chamada "Postais Planetarias". Tamén colabora con distintos medios como o programa Efervesciencia na Radio Galega, Onda Cero Coruña, La Voz de Galicia, Openmind e Materia.

Se non puideches vir ou che gustaría volver ver a charla, aquí tes o vídeo na nosa canle de YouTube.


Ler máis...
19 de setembro de 2019

Setembro 2019: "Ecosistemas humanos nas Rías Baixas"

Tiñamos moitas ganas de volver! En setembro comezamos o curso 2019-20 de charlas en Escépticos Compostela! E ímolo a facer falando dun tema que non adoitamos tratar acotío: arquitectura e ecosistemas humanos.

Ecosistemas humanos nas Rías Baixas

Nos últimos 60-70 anos o territorio das Rías Baixas experimentaron varias “actualizacións territoriais” moi intensas, potentes... cada un foi un tsunami urbanizador.

Un territorio rural + outro industrial + outro terciario comercial + outro turístico e de lecer... moitas capas superpostas, mesturadas... quen chega de fóra asegura que isto é o caos.

O que si é certo é que as Rías Baixas son a maior e máis heteroxénea concentración de vivendas unifamiliares da Península: un xigantesco continuo-edificado de 800 km².

Este enorme magma de artefactos edificados tan mesto que un esquío pode ir de Norte a Sur e de Leste a Oeste saltando de tellado en tellado sen tocar o chan. Sen embargo a nivel de chan, para os propios construtores deste ecosistema, os desprazamentos son ben máis complicados. No frenesí construtor descoidamos a integración necesaria entre as diferentes pezas: zonas industriais, ensanches, urbanizacións, centros de saúde, polígonos, canteiras, depuradoras, escolas, vías rápidas, autoestradas, estradas de diferentes competencias... aterraron sobre o territorio sen pór moita atención ao contexto.

Así chegamos ao momento actual no que, se paseamos esa cidade difusa veremos como, a cada paso, e cando menos o agardamos, aparecen ante nós barreiras, fendas, limites, bordes, taludes, pasos elevados... que impiden, dificultan ou poñen en perigo o libre paso dos humanos.

Neste ecosistema, as crías dos humanos medran en semi-cautividade, xa non se poden atopar cos seus pares máis que en espazos perfectamente recintados e as interaccións están pautadas e sempre supervisadas. Os parques e as zonas peonís son os “espazos naturais protexidos” para humanos.

Ten o urbanismo algo que ver en todo isto?


O noso relator será Martín Barreiro Cruz (Tirán – Moaña, 1983). Estudou arquitectura e urbanismo entre Portugal e Italia. Fixo unha tese sobre a evolución-expansión dos espazos urbanizados en Galicia (período entre os anos 1950 e a crise do 2008). Apaixónalle o rururbano, estes espazos híbridos das Rías Baixas nos que o rural, o vilego e o urbano están completamente fusionados nunha soa cousa: o continuo-urbanizado das Rías Baixas (ou Cidade Difusa).

Xunto con María Masaguer crearon o Estudio Rurban para experimentar-facendo, para saír da academia e manchar as mans traballando, proxectando e obrando. Practican un urbanismo “situado”, cos pés postos no propio obxecto de análise e proxecto. Porque o urbanismo está a medio camiño entre as disciplinas técnicas e as humanidades, por iso nos resulta imprescindible coñecer e re-coñecer constantemente este hábitat tan particular.

Se non puideches vir ou che gustaría volver ver a charla, aquí tes o vídeo na nosa canle de YouTube.
 

Ler máis...
10 de maio de 2019

Maio 2019: "Pódese ser vexetariano e escéptico? (Ou estóurache a cabeza?)"

A charla de maio adiántase do último venres de mes ao venres 24, e falaremos de vexetarianismo!

Trataremos de mostrar que a dieta vexetariana é totalmente compatible cunha actitude escéptica, e para iso desvincularémola de ideas pseudocientíficas que confunden (desde a paleodieta á macrobiótica, pasando polo «mundo eco»). Revisaremos a falacia naturalista que dá pé tanto á defensa do vexetarianismo mesiánico como ao carnismo sen complexos. Así mesmo, expoñeremos os motivos que poden levar a un vexetariano escéptico a selo, a saber, saúde, medio ambiente e ética, revelando que unha dieta libre de carne é saudable, xera un menor impacto ambiental e, ademais, inclúe a consideración moral doutros animais desde un punto de vista sensocentrista.

A nosa relatora será Sandra Milán i Massagué. É graduada en Humanidades e Máster en Nutrición e Saúde pola Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Traballou na divulgación da educación alimentaria desde un punto de vista sociocultural. Foi consultora de TFM no ámbito da dieta vegetariana e as pseudoterapias alimentarias. É autora de tres artigos publicados no libro Corpo, saúde e comida. Aspectos sociuculturales da nutrición de Fornons, D., Aguilar, A. (Eds.) sobre a alimentación e os canons de beleza, a práctica da placentofaxia en culturas actuais e a «glocalidade» da alimentación.

Vémonos o venres 24 de maio ás 21:00 no Airas Nunes Café de Compostela!
Ler máis...
16 de abril de 2019

Abril 2019: "Big Data e medicina personalizada na sociedade dixital"

O venres 26 de abril falaremos do ouro do noso tempo: os conxuntos de datos persoais. Alimentan a nosa sociedade altamente dixitalizada e permiten que terceiros tanto a iniciativa pública como privada os correlacionen e efectúen patróns do noso comportamento para predicir condutas e mellorar a toma de decisións, pero, sobre ou connosco?

Analizaremos os beneficios e os riscos da sociedade dixital e como a medicina personalizada pola que aposta Europa (e á que non debemos renunciar!) obríganos a pensar sobre o valor dos datos e os límites que establecer como sociedade. Pero.....cales deberían ser e con que efectos? Para entender o noso presente "datificado" e os retos que expón achegaranse exemplos, desde os máis cotiáns até os que parecen ciencia ficción pero en absoluto o son.


A nosa relatora será Itziar de Lecuona, doutora en Dereito, Profesora do Departamento de Medicina e Subdirectora do Observatorio de Bioética e Dereito, Cátedra UNESCO, da Universidade de Barcelona. Investiga sobre os aspectos éticos, legais e sociais da biomedicina e a biotecnoloxía.


Vémonos o venres 26 de abril ás 21:00 no Airas Nunes Café de Compostela!
Ler máis...
16 de marzo de 2019

Marzo 2018: "Modernidade e apagón na Universidade Galega 1900-1940"

O venres 29 de marzo achegarémonos a un episodio pouco coñecido da historia da ciencia en Galicia. A principios do século XX a modernidade chegou á Universidade de Santiago de Compostela con Cadarso e a estela da Junta de Ampliación de Estudios (JAE). Ata que chegou o "apagón" da guerra e a ditadura.

As primeiras promocións de docentes que viaxaron a Europa coas bolsas da JAE, a nova lexislación para a formación universitaria e a creación do Ministerio de Educación (ensino de laboratorio), o orzamento especial en infraestruturas para experimentación no tempo republicano xunto á xestión de reitor Cadarso, posibilitaron un escenario para que a Universidade Galega estivese a altura da comunidade científica internacional.

Ricardo Gurriarán é doutor en Historia e dirixe a Área de Historia da Fundación 10 de Marzo. Leva escrito 20 libros e mais dun cento de artigos sobre o noso pasado recente: exilio, represión docente, historia da ciencia, movementos sociais, metodoloxía, historia das institucións e rescate de personaxes ocultos pola “historia oficial”.

Vémonos o venres 29 de marzo ás 21:00 no Café Airas Nunes de Compostela!


Ler máis...