20 de xaneiro de 2025

Real con Luis Martínez

 As cousas non sempre son o que nos parecen. E é que ver non consiste en transmitir imaxes senón en procesar información. O noso encéfalo e os órganos dos sentidos seleccionan, ignoran e alteran activamente unha gran cantidade da información que recibimos para construír a realidade tal e como a experimentamos. Todas as nosas percepcións son construcións activas, non pasivas, son conxecturas, hipóteses ou predicións que facemos sobre o que estamos vendo. Estas predicións están baseadas no noso modelo interno do mundo e os elementos que o compoñen, todo o noso coñecemento sobre as súas propiedades físicas, significados e relacións que fomos “aprendendo” e almacenando de maneira flexible nas nosas memorias.

Desta aseveración xorden inmediatamente dúas preguntas. Primeira, é o modelo interno que eu utilizo para interpretar e interaccionar coa realidade igual ao voso? A resposta rápida é que hai, por suposto, aspectos que compartimos todos os humanos, pola nosa historia evolutiva común como especie. Outros que só comparto cos membros do meu grupo social e cultural, por ter sido criados en condicións similares e contextos análogos. E, finalmente, moitos outros que son persoais e intransferibles, que non comparto con ninguén, nin sequera a miña familia, porque con ninguén compartín exactamente as mesmas experiencias vitais que foron actualizando e conformando de maneira exclusiva o meu modelo interno.

 Segunda, que é a realidade? Chamamos realidade a aquelas percepcións, aquelas “alucinacións controladas” que todos compartimos. Unha especie de consenso social do que non somos conscientes porque a nosa percepción é esencialmente egocéntrica. Priorizamos a propia visión do mundo, sen ter en conta a existencia e relevancia doutras visións. Pero, xa que todos compartimos o mesmo mundo e interaccionamos uns con outros, o concepto de real ou de realidade é un espazo social, en constante diálogo, como o é tamén o concepto de arte, de moral ou de verdade.




Luis Martínez 

 Luis M. Martínez dirixe o Programa de Cognición Humana e o Laboratorio de Analoxías Visuais no Instituto de Neurociencias de Alacante, un centro mixto da Universidade Miguel Hernández e o Consello Superior de Investigacións Científicas. Anteriormente, formouse na Universidade Rockefeller de Nova York baixo a dirección de Torsten N. Wiesel, Premio Nobel de Medicina ou Fisioloxía no ano 1981. No seu traballo utiliza unha aproximación marcadamente multidisciplinar, incluíndo a neurociencia cognitiva e computacional, a arqueoloxía, a filosofía, as ciencias sociais, a maxia e a arte. O seu principal interese é comprender como a memoria, o razoamento, a intuición e o contexto social condicionan o noso comportamento e percepción da realidade. É autor de numerosos artigos científicos, ensaios e columnas de opinión, ademais de dous libros sobre neurociencia e cognición humana, incluíndo The Illusionist Brain (O cerebro ilusionista) da Editorial Princeton University Press. O seu traballo é financiado polas máis prestixiosas institucións internacionais, como por exemplo o European Research Council (ERC) e a Human Frontiers Science Project Organization (HFSP), e apareceu reseñado en numerosos medios, incluíndo varios documentais de TV, tanto en España como no estranxeiro.

 

Sobre Escépticos no Pub Compostela

Santiago foi a segunda cidade de España na que se iniciaron estas charlas nos bares. Comenzaron no ano 2010, e desde entón pasaron por este ciclo, que xa suma case 90 sesións, figuras relevantes como o biólogo Juan Ignacio Pérez, a matemática Clara Grima ou a psicóloga e sexóloga Laura Morán.

Este curso 24-25 levaranse a cabo 9 novas charlas que terán lugar, salvo festividades, o último venres de cada mes. O noso novo local é a cafetería do Hotel Comopostela na Praza de Galicia. 

 

 

 

Buscar neste blog

Con tecnoloxía de Blogger.

Recibe as novas charlas por email!


Correo electrónico:



Arquivo do blog